sexta-feira, 14 de março de 2008

A corrente lambe as marxes

Esta mañá o espello, que o teño castigado de lado, asaltoume cunha imaxe de máis ollos que cabeza. As catro horas de sono non deron para apagar o susto que levei cando volvía á casa e que grazas a un camioneiro tuga, en cuxas mans (ou pé, mellor dito) tivo onte o meu fado quedou nunha taquicardia. Foi a cousa que cando o fun adiantar, o cata puxo as luces longas (ou sexa, os máximos) para que eu vise que no medio e medio do carril polo que eu ía coma cun foguete no cu había un can a cheirar non sei que no asfalto. En boa hora levaba os pneus cabeludos, e o ABS, porque por un momento, vinme levando o can por diante, que non era pequeno nin grande, e indo ao carallo baixo as rodas esmagatrices do tráiler. O can saíu da éxtase en que se encontraba (se fose persoa, diría na verza, pero os animais habitan noutra dimensión) no último segundo, afortunadamente cara á esquerda, e zafamos os tres: o can e eu de morrer sen sentir (iso diriades todos despois: cando menos foise sen sentir, non che xosca, como se iso servise de óbolo para Caronte), o camionero de pasar toda a noite a darlle explicacións aos de Tráfico.
E é que o documental de onte foi punk, e así me quedou a estética de cadáver ambulante. Lech Kowalski levounos onte de paseo por un taller artesanal de botas, desde o branco e negro dos inicios, de secuencias sacudidas e mareantes, nun traxecto impregnado de forza, solidariedade, e lixo, montes de lixo por todas partes, ata unha segunda parte, en cor, máis calma en aparencia, máis luminosa, pero eslamiada, que camiña entre os cascallos dos soños esboroados: parellas rotas, cabalos sen rédeas a cabalgar polas veas, integración no sistema ou ruína.
Confeso que por uns minutos me arrincou da sala o peso das pálpebras pero non foi culpa do director senón desa serea que seduce co movemento ondulado do rabo e a voz grave nun murmurado: déixate levar... déixate arrastar... déixate sumir... O transo, que durou o que un mal quiqui, foi pola contra reparador.

4 comentários:

Teté disse...

Acho que também ficaria com taquicardia (e não sou dada a isso) depois desses dois cenários... Quer dizer, mais com o camião, porque filmes/documentários desses de fossas marginais, nem vejo... (`_^)

Sun Iou Miou disse...

Taquicardias não faltam ultimamente, só espero elas não me acelerarem o marca-passos mais da conta. Estas máquinas custam um olho da cara e se ele estoura, quem me subvenciona outro?

Raposo disse...

Ultimamente estaste salvando polos pelos. Non tentes demasiado a sorte!
Apertas.

Sun Iou Miou disse...

A sorte téntase soa, Raposo, non fai falla chamar por ela. Pero grazas polo aviso cariñoso.