sábado, 17 de maio de 2008

A vella polaca. Capítulo X

Para Sigrid, porque os personaxes teñen vida propia,
cunha aperta forte forte


Na Cordoaría aquela mañá era coma outra calquera, porque no mundo, salvo hecatombes, todas as mañás son iguais, quérese dicir, sempre diferentes. Couselo pousou a funda do saxo sobre o banco e abríuna, disposto a montalo, cando Miss Tollo, que acaba de regresar do estanco, exclamou:

—Aí a vén!

E todos souberon a quen se refería, menos dona Ludmila, que dirixíu a mirada cara ao punto en que as dos outros todos confluían, ou sexa, nunha muller, nin alta nin baixa, con aspecto de clocharde exquisita e finas medias de cristal nas que aguzando a vista se advertía unha incipiente carreira, aproximándose do ganchete dun home maior, de traxe gris e bigote pedrés, moi acicalado, que camiñaba sen que se sentise o bater das solas dos seus zapatos no chan. Porén, o único que distinguíu ao lonxe, por causa da miopía, foron os sorrisos abertos que ambos traían en forma de saúdo.

—Se antes non llo digo, dona Ludmila, velaí a ten. Esa é Sigrid.
—E o señor que a acompaña? É o marido?
—O marido? Non, é o finado do pai, que lle morreu no sábado e desde entón nin el se separa dela, nin ela del.

E Ludmila entendeu, sen necesidade de máis explicacións, mentres desde atrás unha figura como de ar denso lle botaba a man por riba do ombro e a bicaba na fronte. E sorriu tamén ela contaxiada polos que acababan de sumarse ao grupo.

—Bos días. Como hai tanta animación xa destas horas?
—Bos días, Sigrid, e a compañía. Esta é dona Ludmila, a muller do ti Jonas, que lle estaba a contar o da outra noite.
—Ai, que ilusión! A gana que tiña de coñecela.
—E eu a ti, neniña. E de darche as grazas tamén, polo que xa sabes. Cando queiras, pasas pola mercería da señora Júlia, que che dean unhas medias, das boas, de seda, sen reparar en gastos. Di que vas da miña parte e que mas carguen na conta.
—Ai, se non lle importa, dona Ludmila, case levo das baratas, as que me dean polo mesmo prezo, que total para o que me duran...
—Pois levas das baratas e das boas, para unha ocasión especial.

O vello temperou a carraspeira, impaciente por continuar co relato do que entre uns e outros apenas lle deixaran esbozar os preliminares.

—Que foi, Rei da Lã? Tes cardos na boca xa destas horas? —inquiriu Miss Tollo, que estaba moito máis relaxada despois de botar o cigarro.
—O que teño é falta de tabaco, así que larga un pito, roñosa.

A moza agachou e levantando unha perneira dos vaqueiros quitou o paquete do calcetín e ofreceu, non de moi bo grado, unha rolda á concorrencia. O Rei, vendo que ninguén máis quería, colleu dous.

—Para logo —xustificouse sen que ninguén llo pedise.
—Entón como foi o da Anyeska que non era tal? —preguntou dona Ludmila, xa tamén o seu algo desexosa de saber o que fora do seu Jonas.

E nese momento, do saxo saíu unha melodía suave, como de contornos sinuosos, na que todos recoñeceron o "María" de West Side Story, e a Sigrid detívoselle no rabicho do ollo dereito un brillo que se apresurou a enxugar cun pano que parecía de encaixe, pero era feito de escuma mariña, a cal, como todo o mundo sabe, son as bágoas que verten as sereas polos náufragos sen illas nas que acougar.

11 comentários:

Anónimo disse...

¿E logo, Sigrid?, ¿Sí?

Sun Iou Miou disse...

E logo o que, Couselo? Como diría o outro: não estou a percever peva.

Anónimo disse...

ah!. Pois eu pensei que sabías idiomas.
Que se Sigrid tamén vive na aldea das carrouchas

Sun Iou Miou disse...

Non, Couselo, Sigrid non vive nas Carrouchas. Continuo sen entender a pregunta malia saber uns cantos idiomas. Será que non falamos o mesmo. Se te dirixías a Sigrid, sospeito que non che vai poder responder ata dentro dunha tempada.

condado disse...

Naveguei mares incertos
fun pirata non temido
deixei tesouros incertos
troxen unha illa comigo... pano que era de escuma de mar para enxugar as bagoas que verquen as sereas polos naufragos sen illas nas que acougar...
Ta ben, que siga a polaca a contar trolas destas...

Sun Iou Miou disse...

Porra, Condado! Agora resulta que foi plaxio. Mira ti como fan pouso (borra, ás veces) os sensentidos que ouvimos mentres nos sobe o ton de voz e baixa o nivel de malta na botella.

Sun Iou Miou disse...

E todo isto, subconsciente obrando, penso, debe de vir dependido de que ando a traducir unha serie de piratas...

condado disse...

Eu que fardo de lector de Cunqueiro e non sei das batallas do vello Simbad. Anoto. O das trolas é porque gosto de que conten tan ben os contos, en especial a realidade/irrealidade tan real e tan ben levada por quen levamos do brazo tantas ausencias...
Ta bem, que siga o conto pois...

Sun Iou Miou disse...

Por favor, Condado, agora mesmo déixoche o de Sinbad (con volta!).

Anónimo disse...

Gracias. Moitas gracias, Sun Iou Miou. Sobre todo polo señor de bigote pedrés do que non me separo xa máis.
Un bico moi forte imaxinando que teño un deses panos máxicos.
Sigrid

Sun Iou Miou disse...

A mandar, Sigrid. E os panos eses existen: non fai falla imaxinalos.