terça-feira, 10 de junho de 2008

A vella polaca. Capítulo XII

—Pero entón, o Fausto ese… quen é? Non o coñezo.

Á señora Bukowski a paixón que sentía pelo seu vello louco impulsábaa a non querer perder detalle de canto o rodeara naqueles tres días de ausencia.

—Ah, o Fausto, xa. Aparece por aquí ás veces. É un mozo, un tolo do BB, ou como lle chamen a iso, que o meu inglés é prehistórico. Ándalle para aí sempre cunha máquina fotográfica e un caderno de debuxo. Gústanlle estas nosas historias de vellos e achégase a escoitalas e a meter baza. E a festa, como a todos, non lle sabe mal. Ten tempadas en que desaparece e cando volve di que estivo de exames, pero a min dáme que desconfiar, porque trae no pelo o sal do mar e nos ollos ondas de felicidade debuxadas. O seu ti Jonas tíñao desafiado a navegar sobre unha táboa de lavar a roupa e había de ser bonito de ver. Pero como lle dicía, se se me permite continuar, a outra noite, ao pouco da visita da policía, presentouse no xardín unha suripanta á que nunca viramos, desas que lle fan perder a calquera a cabeza e a facenda. Así que puxémonos todos á volta dela, a baballar, e o que máis ou que menos, disimulando a súa cara, dona Ludmila, teso coma carapau. E cando ás nosas preguntas existenciais (de onde vén?, a onde vai?, que fai aquí…?) para disfrazarmos outras urxencias contestou que era polaca e que se chamaba miss Anyeska, ao lampantín iluminóuselle o rostro e perdeu vinte anos de golpe. Ergueuse dun pincho, chantóuselle diante e estendéndolle a man esquerda coma un galán de película pediulle para bailar, ou iso deducín eu, porque largoullo en inglés, e eu de idiomas de fóra non entendo nin papa. E alí quedamos todos, cos fociños dunha cuarta, mentres a parelliña se afastaba a procurar unha pensión, como logo se soubo, de mala morte.

5 comentários:

condado disse...

En Madrid, entramos no teatro e atopámonos con que non había butacas. Era unha festa e propuñan bailar, unha actriz clavou os ollos en min dende o palco, baixou direita e alí me atopou, perdido e perplexo e non sei ben de qué color... Nunca volvín ao teatro

La queue bleue disse...

Pero pode-se saber que caralho de lideira/fetiche tenhem todos coas polacas ultimamente?
Anche tu, bambina?
Ai, desisto...

Sun Iou Miou disse...

Nin a bailar, que eu saiba, Condado, salvo naquela mítica FIASTA co Alberto Mvndi, que abaneabas lixeiramente a cabeza mentres os outros choutabamos.

A min a polaca veume dada, La Queue, que non son eu quen elixe os personaxes.

La queue bleue disse...

Ai! É que nom sei que tenhem as polacas pero ante um passaporte é-me impossível competir.
(Nada pessoal, querida, é que a um que me chista chistam-lhe à sua vez as polacas e claro... é 1 confabulaçom contra as autóctonas! :P)

Sun Iou Miou disse...

Ai, digo eu, La Queue... Experimenta, logo, a chistar e deixarte chistar por um polaco. Não ha de ser má coisa. Ânimo.