quarta-feira, 23 de março de 2011

Ar iluminado

Para o besugo

Que eles e nós eramos feitos de ar ninguén dubidaba e quen dubidase, dentro das excepcións pertinentes, era apenas por ser feito duns outros gases raros e extravagantes. Sabíase isto a pesar de que nas horas de ceos moi toldados, en que as augas se espellan así mesmo toldadas, un manto de líquida cinza oculte as borbullas de peixes e algas que acolá nos medios fundos trocan os seus osíxenos e os seus hidróxenos en desproporcións dispares. Era tamén verdade científica comprobada até proba en contra que había ademais bastante carbono ao barullo, o que a todos nos daba a solidez táctil, pois un exceso de permeabilidade na esencia implicaba risco de fusións infindables. E en relativas porcentaxes de chisca e migalla, os corpos contiñan outros elementos tales coma o ouro dos dentes, o titanio das próteses internas e externas e os fósforos do cerebro, eses que resplandecen en noites desluadas e nalgúns casos notorios se localizan en cristais polas nádegas, distinguíndose así as especies que salpican a atmosfera a aboiar en dous grandes grupos indiverxentes de escaso peso, os poéticos vagalumes e os prosaicos lucecús, xente, ao final, sempre de palabra, ou como dicía, ar. Ar, con todo, iluminado.

3 comentários:

Sun Iou Miou disse...

De ser certa a teoría da orixe eufemística da palabra "vagalume" (<< 'caga-lume') quedaría invalidado o devandito discurso, mais quen lle vai outorgar creto poético aos lexicólogos?

Teté disse...

Isto por aqui também anda tudo com um ar iluminado, mas as razões são outras. Devo ser eu que ainda não as entendi...

Os brasileiros usam essa palavra vagalume, mas por aqui é mais pirilampo mesmo. O que sem dúvida é menos poético... ;)

Sun Iou Miou disse...

Os brasileiros é que falam galego como é devido, Teté.