sexta-feira, 18 de setembro de 2009

Filme de violencia

Mércores de mañá entro no salón de penteado (chamarlle "salón de beleza" é pedir o demo e a aña!) para dar unha rapada e unha man de pintura na cabeza. Nun canto, as donas, a empregada e dúas clientas, todas xente nova, en conversa máis ca animada, barullo de lima sobre uñas, ks-ks-ks, grimoso.

—Ai, eu cando vou no coche sempre vou co revólver... —larga cun sorriso a Di, unha das xefas.

O instinto aconsellábame que recuase e saíse por onde entrei, pero como xa dera os bos días, non había retirada con honra ou sen ela que me valese.

—Ui, se estades tan ocupadas, vou tomar un café e veño dentro dun chisco —suxiro como quen que aquí nin en pintura me vedes máis o pelo.
—Non, déixate estar aí, que xa vas —ordéname a Di.

Imaxinen a miña cara, a cor demudada, que se di. Xa vou? Xa vou? Ollo para os secadores con desconfianza. Pinta de armas de destrución individual non parece que teñan, pero quen fía ante o ofensivo clima de violencia defensiva? Sento fronte ao espello, que sempre se dominan as costas, tan vulnerables. A conversa prosegue, desta é a Cel, a outra dona e irmá da Di, a que contribúe ao desasosego (meu, polo que se ve):

—A miña irmá é que non varía nada, está sempre co mesmo...

A tensión aumenta. Se a irmá anda sempre co revólver, a Cel que? Un día unha metralladora, ao outro un bazuka, quen sabe se un lanzachamas, mísiles terra-ar ou será máis de arma branca? E falando en armas brancas...

—Que lle queres? —deféndese a Di, sacudindo as tesoiras—. A min é que o Carlos Goñi encántame. Ata teño na entrada da casa unha foto del grandisma dedicada... —di, mirando para min á procura de aprobación.
—Se vos conto o que pensei...

E claro, contéillelo. Gargallada xeral. Gañei catro puntos máis na conta da miña loucura. En fin. Teño pasado momentos de horror nos salóns de penteado (e lavado previo!), pero coma este minuto e medio... E todo porque na fala non se distinguen as maiúsculas.

4 comentários:

R.R. disse...

¡A xente tamén podía poñer un pouco de énfase nas letras grandes!

Sun Iou Miou disse...

Dígollo eu! Entón a foto do guicho en tamaño XXXL, pero ao nome do grupo, como é unha simple palabra de nada, nin lle é capaz de pór un "erre" maiúsculo como é debido. A culpa disto é toda esa manía de agora, de escribir todo con minúsculas, r.r., até os nomes propios (literalmente). :P

Teté disse...

Andas a ver filmes de couboís a mais, é o que é! No faroeste é que eles e elas andam sempre de revolver em punho... (*_*)

Beijoquitas e bom fimde!

Sun Iou Miou disse...

Filmes de coubóis eu, Teté? Só se for de bois e vacas Hehehe!

Bom fimde para ti também!