sexta-feira, 11 de setembro de 2009

O espello

Como cada mañá lavou a cara para despexar antes de baixar a preparar o café. Sen razón aparente parou a mirarse. Mirarse-mirarse, digo, consciente do acto. Non na rutina simple de comprobar se limpara os restos de lagañas, senón esculcando polos poros até as fonduras da alma. O espello devolveulle unha imaxe cuarteada, sucos e fendas percorréndoa, entrecruzadas da fronte ao queixo. Asustouse, claro. Levou as mans ao rostro, apalpouse, rozou coas puntas dos dedos as marcas deseñadas no seu reflexo. Encontrou só suavidade, a pel lisa, a curva dos pómulos, o contorno dos labios, a respiración arfante no sobresalto, o tabique que separa as ventas onde lle gustaba pousar a segunda falanxe do furabolos, a liña fina das cellas depiladas, a caricia tenue dos pelos das pestanas.

—Boh! —exclamou, ao tempo que sacudía a man dereita á altura do peito—. Tch! Que susto levei!

Entrou na cociña e apuntou na folla cravada do taboleiro de cortiza: “espello baño”. Ía colocar o rotulador no sitio, cando parou en seco e engadiu: “leite”. Así, todo con minúsculas, coma a súa vida.

6 comentários:

Anónimo disse...

Anote tamén chocolate, 2 cervexas e unha bolsa de patacas, faga o favor. Ah, e tamén pillas das gordas para a radio, que non podo ouvir radio 5 desde onte. Grazas

Sun Iou Miou disse...

Eu anotar, anoto, Kaplan, o caso é ir á compra, que dá unha preguiza. E as cervexas, faga o favor, se llas traio (caso dubidoso), véñaas tomar, que logo cadúcanme.

El non pode ouvir a radio polo trebello este?

Anónimo disse...

Podo, si. Pero o trebello este está no estudio e gosto de almorzar na cociña coa radio 5; pero non se preocupe, cando vaia tomar as cervexas xa lle pago as pillas.

Sun Iou Miou disse...

Non é polo gasto, señor Kaplan, é pola preguiza de ir á compra, repito. E máis vale que non mas pague, se ten que vir aquí por elas, que lle van saír caras.

Tamén oio a radio (a 1) pola mañá na cociña, pero téñoa que pór a todo volume no salón porque na cociña non collo case nada. E dirá vostede: e a min que? Nada, digo eu, era por dar conversa.

Teté disse...

Segundo percebi, este é o primeiro capítulo de dois (ou mais), não é?

"Tudo com minúsculas, como a sua vida" acontece a tantos...

Vou subir no elevador!

Sun Iou Miou disse...

Nem eu sei bem o que é, Teté, o que for saindo, sem dúvida. Memórias, reais ou inventadas. (`_^)