sábado, 25 de julho de 2009

As cicatrices do itinerario (V) De visitas feitas ou non feitas










Á mañá seguinte, cedísimo, espertáronme unhas pingueiriñas a tintinar no dobre teito da tenda. Cando aquilo parou, asomei a cabeza: non fora nada, pero incapaz de durmir máis, arrinquei para a ducha, vestinme e saín a dar unha volta a pé, na procura dun café (con torradas!) e información sobre onde conseguir unha lámpada para a moto. Visto que o taller aínda ía tardar un par de horas en abrir, optei por volver ao cámping, recoller os trebellos (reprimirme de lles rachar as catro rodas aos veciños da caravana que durmían tan placidamente), pagar a conta e achegarme, xa na moto, á outra gasolineira, que estaba no extremo oposto da vila. Houbo sorte, había unha! Na euforia do problema resolto, o aumento de luces na moto implicou un descenso das luces miñas, polo que esquecendo a visita que tiña pensado facer ao Sítio, enfiei rumbo ao sur.

A primeira parada foi en Óbidos. Non lembraba que xa durante o regreso da miniviaxe que fixera en setembro a Lisboa, tamén me detivera en Óbidos. Cabeciña! O caso é que entrei, fun ata a Lagoa, tirei unhas fotos e subín ata o recinto amurallado, que se di. Cando cheguei a zona do aparcamento, a memoria resucitou. Xa estivera alí e marchara sen entrar, pola mesma razón que ía marchar hoxe. Tiña que abandonar a moto con toda a trouxa fóra da miña vista e aínda que o máis probable é que non pasase nada (e por “non pasar nada” enténdase que non me roubasen o que quedaba ao alcance dunhas mans despistadas), non me ía sentir ben a gusto, así que tomei un café, crucei un sorriso coa parella de brutamontes alemáns (a metáfora viva da desmemoria miña) que estaban na mesma tesitura e vía...

Tiña que ir decidindo xa se entraba en Lisboa a facerlle ao J a visita case prometida e gañou o si, que ao cabo, non tiña présa ningunha. Cruzadas mil e unha chamadas por un malentendido entre dereitas e esquerdas (que sempre dependen do lugar para onde un mire), el nunha punta da praza, eu na outra, acordamos encontrarnos nun paso subterráneo entre medias, onde en troco do café ao que me convidou, agasalleino cun strip-tease que non deu en nada, porque debaixo da roupa da moto ía vestida coma a xente (para alivio del, que se puxera algo nervioso ao verme baixar a cremalleira do pantalón), abafando.

Logo saín pola ponte 25 de Abril, coma quen deixa atrás o recordo doutra visita que xa non sei se fixen se non, porque ás veces unha (eu) pensa que fai cousas que non fixo e outras, pola contra, pensa que non fixo o que fixo e todo é unha confusión que é mellor non esclarecer, nin que fique a cicatriz de testemuña.

24 de xuño de 2009

4 comentários:

Anónimo disse...

1. Parece que o de vde. con Óbidos é cousa do subconsciente. Concorda?
2. Cóllolle prestado o vocábulo brutamonte, tan preciso.
3. Non se agobie coa confusión das esquerdas e as dereitas. Hai décadas que se confunden en Europa e aquí non pasa nada.
4. Igual vde. pensa que nos dixo aonde ía, e non, non o dixo; e cando voltaba, e tampouco.

Sun Iou Miou disse...

Xa voltei, Kaplan, non pense, o que sucede é que non acabo de voltar de todo: creo que me quedou unha parte polo camiño. (Vou aos poucos, porque estou embarcada nun traballo que non me deixa tempo para case nin nada, para variar.)

E non, non dixen a onde ía porque nin eu o sabía. Fun ata onde deu e seguindo o capricho das curvas.

A palabra é "brutamontes", en singular así tamén. (`_^)

Subsconsciente? El eu terei diso? Voulle dar a razón e sei que vou ter que volver por alí, pero en serio.

Marreta disse...

Ah, então eras tu que eu vi da janela de casa a passar na Ponte 25 de Abril a 200/hora, aos zigue-zagues, com uma mão no guiador e uma garrafa de ginginha de Óbidos na outra...

Saudações do Marreta.

Sun Iou Miou disse...

Não era eu, Marreta. Eu levava as duas mãos na garrafa e os pés no guiador e não ia a 200 km/h, porque quis fazer a gracinha de passar por cima da faixa metálica e foi um tremer que não sabia se era de riso ou de medo, até que parti os dentes com o bico da garrafa e acabou a festa.