segunda-feira, 13 de julho de 2009

O príncipe desencantado (II) Entre sabas de Holanda

Nun ataque de morriña con saudades da chuvia que o sorprendeu baixo a ducha, decidiu regresar á decaducadente Europa. Holanda, que lle soaba a batucar de zocas e ao irrecendo dos tulipáns cultivados no cativerio plastificado da súa terra natal, pareceulle un destino improbable onde probar fortuna pero ouvira dicir que as mozas eran feitiñas... e tetudas. Resoluto e expedito a partes iguais, chamou á nai polo Skype para lle chorar un billete que ela, tras empeñar algo de quincalla no Montepío, lle mercou nunha volátil compañía aérea de prezos tan baixos como altos os desprezos.

Durante os tres anos que pasou en Amsterdam1 viaxando de balde no tranvía, a sorte del foi a fobia ao café recentemente adquirida, que o fixo desistir de meter o nariz nos coffee-shops, evitándose así unha segura e incerta adición a drogas máis ou menos brandas.

Tras a inexperiencia que lle forneceron as longas xeiras nun taller clandestino onde se fabricaban as famosas sabas do país baixo a marca —falsificada, iso si— “Tot-ziens-schatje”, o desacougo do barullo das máquinas que se lle instalara na cabeza e que nin en soños o abandonaba impulsouno a rogarlle por correo electrónico máis un billete de avión á nai, quen tivo que vender media ducia de cadeiras Luís XVI con tapicería de Beauvais. Dígase, sen que veña ao caso, que aproveitou a ida ao chambón para trocar por un anel de pedrería un relicario con pelos (da cabeza) da María Antonieta que un admirador anónimo rescatara da coitela e que o pai da nosa raíña de conto, un conde-duque vindo a menos, encontrara no rastro en Madrid e lle deixara en herdanza coa encomenda de que o conservase eternamente pero que a ela sempre lle metera un noxo espantoso. Co que lle deron polas cadeiras apenas lle chegou para axenciar unha viaxe a Londres, cun vale-desconto para o tren do aeroporto ao centro urbano. Algo é algo, rosmou o láparo, como a pulga ao galgo, sen nin dar as grazas.

_________
1. Hai quen porfía en que isto non sucedeu en Amsterdam, senón en Den Haag, pero sinceramente, se non sucedeu, que máis ten onde foi ou non foi?

4 comentários:

Teté disse...

Oh, que família real mais pelintra! Mas também quando se herda um relicário com uns cabelos da desafortunada Maria Antonieta, ainda por cima com a incumbência de o guardar eternamente, bom, já dá para suspeitar que a coisa não vai correr por aí além... (`_^)

E então o jovem príncipe segue para Londres. Talvez encontre por lá alguns primos, mais generosos (e menos tesos) que a sua própria família! Já se percebeu também que a fobia ao café lhe valeu de alguma coisa!

Beijocas!

Sun Iou Miou disse...

És de mais, Teté, que me fizeste rir. (^_^)

Acho que não vai parar muito tempo em Londres e também tenho de retomar o relato da minha viagem por terras tugas, de maneira que talvez fique a coisa um bocado em suspenso... Mas não muito, prometo.

Beijoquita!

Anónimo disse...

Ser serían brancos e non me estraña que deran noxo (os cabelos de María Antonieta, quero dicir)

Sun Iou Miou disse...

A min tampouco, Kaplan. De ser eu, onde vai que estaban no lixo. No da cor non pensei, mire. Vostede é que sempre está en todo. (`_^)