terça-feira, 15 de julho de 2008

Parte médico (Hematoloxía)

Pois, hoxe volvín ao hospital. Tocaba revisar se o linfoma asomaba os cornos. Parece que continúa a durmir, así que vou é falar calado. Desta si que houbo sesión sala de espera: unha hora de lectura agradable con ar acondicionado e moita menopáusica abanicando. Hai consultas que teñen as salas de espera máis animadas, pero nesta, en xeral, prevalece o silencio, que o que máis o que menos, vai co sangue espeso. Tamén non axuda nada ver saír algún do despacho con cara de sentenciado e non ter coraxe para o coller da man e explicarlle que o bicho hai que pórse a matalo desde o primeiro momento. Para máis, ao lado estaban as de xinecoloxía, que é outro sitio ao que se vai tamén coas pernas apertadas. Así que nada, mellor despistar a angustia nun libro. Cando me chamaron, a verdade, molestoume un pouco que me interrompesen.
O meu hematólogo preferido díxome que a próxima, dentro de catro meses, sería a última consulta que tivese con el, porque aqueles hijosdeputa -palabras del- o puñan na rúa e estaba indignado. Non puiden menos que dicirlle que era rarito de cojones -isto, palabras miñas. Entón miroume espantado. Expliqueille que non entendía como non se quería xubilar, cando todo o mundo se mata por xubilarse, e mais traballando coma un cabrón -así llo dixen- como traballa el. Contoume á súa vez, que levaba moitos anos de médico, que lle morrera moita xente, que persoas coma min, hai moi pouco tempo, non duraban un ano vivas, e agora, xusto agora, que empezaban a aplicarse tratamentos eficaces (e contoume emocionado como estivera hoxe a velo un rapaz ao que tratara dun linfoma de Hodgkin hai oito anos cun seu fillo de dous...), mandábano para a casa. Explicoume que non quería seguir a traballar coma un cabrón, pero si poder estar de nove a dúas no hospital para dar o que aprendera en toda a vida.
Só pensaba, mentres me falaba, que teño moita sorte cos médicos que me levan tocado e que cada vez que vou ao hospital, o persoal que me saúda polos corredores recoñecéndome, me fai sentir, como diría?, feliz? Creo que non hai lugar no que máis sorrisos teña que repartir por metro cadrado.
Ah, si, os resultados ben, claro, xa se sabía, non hai máis que verme. O da glucemia? Nada, un chisco alta, non ten importancia. E o colesterol? Se teño o bo estupendo e o malo de puta madre, díxome, iso nada. Ah, e o que nos importa, de hemoglobina, 15, que estou para subir ao Everest, dixo. Si, ho, agora que empezou a calor..., retruquei. Logo non me ha de dicir a miña principal clienta que son superwoman. E todo iso durmindo pouco, mal e a rastro. Imaxinen se durmise, que beleza, que corpo, que intelixencia! Non me intenten comprar agora, que vou cara, subín na Bolsa, ou debería dicir, na póla?

2 comentários:

Anónimo disse...

Cara non; é que non tes prezo.
Que ben, pero que ben.
Por certo, ¡contra as menopáusicas nin unha palabra!
Sigrid

Sun Iou Miou disse...

Sigrid, aquí a primeira menopáusica son eu, e prematura, así que creo que teño dereito a dicir as palabras que me peten. E non, hoxe non teño prezo. (`_^)